Tuesday 30 de April de 2024

Santiago de Compostela dialoga sobre o novo modelo turístico nun foro internacional


Representantes do tecido hostaleiro e social da cidade compartirán xornada con representantes institucionais de Catalunya, Porto, Málaga e Sevilla, que achegarán distintas visións sobre destinos sometidos a unha elevada presión turística. A xornada terá lugar o venres 20 de outubro no Pazo de Fonseca, entre as 9:15h e as 14:00h, e estará aberta ao público en xeral.

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, presentou esta mañá a xornada “O impacto do turismo nas cidades. Taxa turística e outros instrumentos de xestión”, un foro de análise que segundo indicou “abre un novo escenario de traballo no deseño do novo modelo turístico que Santiago de Compostela necesita”.

Este foro organízase no marco do Plan de turismo sustentable -en que participan o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo- e inclúe a participantes do tecido hostaleiro e social de Compostela que compartirán xornada con representantes institucionais de Catalunya, Porto, Málaga e Sevilla, que achegarán distintas visións sobre destinos sometidos a unha elevada presión turística.

Míriam Louzao lembrou que “desde o goberno municipal temos o firme compromiso de acadar un novo modelo turístico para esta cidade, e para iso precisamos poñer en marcha novas iniciativas que engadan valor ao conxunto da veciñanza de Compostela, ademais dos beneficios económicos para empresas e persoas vinculadas directamente co sector”. Neste sentido, a concelleira referiuse a iniciativas xa realizadas nos pasados meses, como a difusión do código de boas prácticas para potenciar o turismo consciente en Compostela e asegurou que, tras acadar o compromiso por parte da Xunta de Galicia da posibilidade real de implantación dunha taxa turística a curto prazo en Compostela, “agora queremos iniciar un novo camiño e dar pasos cara a ese modelo de turismo consciente e respectuoso co noso patrimonio, a nosa cultura e a vida cotiá das nosas veciñas e veciños”.

Análise e participación

A xornada “O impacto turístico nas cidades. Taxa turística e outros instrumentos de xestión” está estruturada en tres grandes eixos.

O primeiro deles está enfocado en ofrecer unha visión técnica, e desde o rigor normativo e económico, da aplicación do tributo denominado “taxa turística”. Nesa mesa de debate participarán o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC, César García Novoa, autor ademais do estudo sobre a implantación deste tributo en Santiago de Compostela, e a directora xeral de Tributos da Generalitat de Catalunya, Natalia Caba i Serra, que ofrecerá a visión dun territorio que xa leva aplicando este tributo desde o ano 2012.

O segundo eixo está concibido para darlle voz ao ‘ecosistema’ socioeconómico da propia cidade, enmarcándoo nun dos principais compromisos tanto do Plan Turismo Sustentable como do goberno municipal de contar co sector e coa veciñanza no deseño do novo modelos de turismo que Santiago precisa. Nesta mesa, que estará moderada pola vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Mª José Piñeira Mantiñán, participarán o vicepresidente de Unión Hotelera, José Antonio Liñares, o presidente de Hostaleria.gal, Lois Lopes, a presidenta da Asociación de Hostelería de Compostela, Sara Santos, a presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, Lucía Vázquez, a presidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza, Mon Vilar, e o presidente da Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca, Roberto Almuíña.

O terceiro eixo centrarase na pegada do turismo nas cidades e contará coa participación de representantes institucionais de cidades da península que aplican a taxa turística e tamén de cidades que están na mesma situación que Santiago de Compostela, isto é, estudando a súa implantación. Así, en representación de cidades que xa aplican este tributo intervirán o director de Turismo do Concello de Barcelona, Xavier Suñol Ferrer, e a vereadora de Turismo e Internalización da Cámara Municipal de Porto, Catarina Santos Cunha. Mentres, en representación de cidades que aínda están no proceso de estudo, intervirán o senador e portavoz do grupo Socialista no Concello de Sevilla, Antonio Muñoz Martínez, e o director xeral de Turismo e Promoción do Concello de Málaga, Jonathan Gómez Punzón.
A xornada está aberta a todo o público. As persoas que desexen asistir deben inscribirse previamente a través do formulario ao pé desta noticia.